Tuesday 07 de May de 2024

A BDT do concello de Carballo compartirá espazo con 30 empresas na Feira de Emprego da Cámara de Comercio


O 31 DE MAIO, NO FÓRUM CARBALLO, PARA MOZOS E MOZAS INSCRITOS NO SISTEMA NACIONAL DE GARANTÍA XUVENIL

As empresas participantes teñen abertos procesos de selección de persoal e recollerán currículos

A Cámara da Coruña reunirá a 30 empresas con procesos de selección abertos na 11ª edición da súa Feira de Emprego, que se celebrará este martes 31 de maio, de 09.30 a 13.30 horas, no Fórum Carballo, de 9.30 h a 13.30 h. Será, tras a do ano 2019, a segunda feira que se celebra en Carballo, xa que a prevista para o 2020 tivo que ser cancelada debido á pandemia.

O Concello de Carballo volve a colaborar coa Cámara de Comercio no desenvolvemento da feira, pero este ano, ademais, contaremos cun stand da nosa Bolsa de Traballo (BDT) no que se ofrecerá información sobre o servizo de intermediación laboral e sobre a oferta formativa municipal, e ademais ofrecerase asesoramento aos mozos e mozas que o soliciten.

Na comarca de Bergantiños o groso da demanda é persoal de hostalería, de tenda, loxística, axentes comerciais, deseñadores industriais, carpinteiros, albaneis, soldadores e frigoristas, entre outros.
Entre as empresas participantes estarán Aluman, Arce Clima, Bricodepot, Campus Training, Carrefour, Disa Shop, Domus Vi, Eulen Flexipan, FUAC, Forzas Armadas, Fundación Equipo Humano, Gadisa, Genesal, GI Group, Grupo Calvo, Grupo Crave, Grupo Externa, Grupo Temporing, Imán Temporing, Mapfre, NOS. AD (Grupo Malasa), Nordés Ancín (Grupo Abeirar), Osmos Sistemas Eléctricos, Synergie ETT, Tubasys (Grupo Abeirar) e Vegalsa Eroski, todas elas con procesos de selección abertos.

Talleres de empregabilidade
A xornada está deseñada para que os mozos e as mozas que se inscribiron poidan asistir tamén a talleres nos que se abordarán estratexias útiles para participar en procesos de selección. Así, responsables de Recursos Humanos de Grupo Calvo, Gálica Consultoría e Formación e Imán Temporing ETT expoñerán a visión actual da empresa nos procesos de selección, que buscan, como o fan e como se xestionan os equipos de traballo.

Durante toda a xornada estará dispoñible un servizo de asesoramento para aqueles mozos que soliciten información para escoller a que empresa dirixirse e optimizar así a súa participación neste encontro.
As empresas, ademais, terán a oportunidade de solicitar á Cámara as axudas que xestiona para a contratación dos mozos menores de 30 anos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e incorporados no Plan de Capacitación do Programa PICE que se atopen en procura activa de emprego. Cada empresa pode optar a un máximo de 4 axudas por importe de 4.950€, a condición de que a contratación sexa por un mínimo de 6 meses e a xornada completa.

Inscricións
As persoas interesadas poden inscribirse, de forma gratuíta, en www.camaracoruna.com ou solicitar información chamando ao 981 21 60 72 de 9:00 a 14:00 horas.